ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

22/03/2024
A Autoridade Portuaria licita obras de eficiencia enerxética financiadas con fondos MR
 A Autoridade Portuaria fixo pública a licitación de dúas obras relativas a eficiencia enerxética e instrumentos de telemedida. Ambas as actuacións están financiadas a cargo de fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea – Next GenerationEU – establecido polo Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020. A de maior importe ascende a 1.043.000 euros e ten un prazo de oito meses de execución nos que levarán a cabo traballos de mellora da eficiencia enerxética na rede de iluminación do porto coa renovación dos puntos de luz existentes dotados con lámpadas de VSAP por puntos de luz con tecnoloxía LED de maior eficiencia enerxética. A obra leva aparellada a renovación de torres de iluminación, instalación de brazos soporte en fachadas para a suxeición de novas luminarias, execución de tramos de canalización e tendido de liñas subterráneas e a demolición e levantado de pavimentos e posterior reposición. Por outra banda, cun orzamento de 118.000 euros, instalaranse equipos de telemedida para realizar a lectura de consumos enerxéticos de forma remota, xa que a Autoridade Portuaria presta o servizo de subministración enerxética aos diferentes puntos de consumo do porto. Os traballos consistirán na implantación dun sistema de telemedida co fin de converter as redes eléctricas da APMYRP en "intelixentes", a través dunha plataforma que permita xestionar os consumos rexistrados polos contadores (tanto propios como dos abonados) para xerar os documentos asociados correspondentes. Para iso será necesaria a implantación dunha arquitectura de dispositivos intercomunicados e a substitución da maior parte de contadores eléctricos do porto así como armarios de protección que alberguen os novos equipos. Este investimento está incluída no Plan de investimentos 2023-2027 do Plan de Empresa 2024 desta Autoridade Portuaria.