ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

11/05/2023
A Autoridade Portuaria lanza unha app para usuarios que monitoriza as prazas de aparcamento
A Autoridade Portuaria acaba de poñer en marcha unha aplicación para móbiles que axuda aos usuarios do Porto a coñecer o estado de ocupación das prazas de aparcamento no recinto. O proxecto lanzouse en modo piloto coa zona ao redor de Cabomar, onde se congregan 100 prazas para coche. A app denominada “SmartParking APMarín” foi desenvolta por Orange e está dispoñible en Android e iOS. Este proxecto está en liña coa estratexia de Transformación Dixital do Porto e coa optimización de infraestruturas portuarias. Os obxectivos son monitorizar en tempo real os niveis de ocupación dos aparcamentos para optimizar as políticas de xestión de tráfico no recinto, recompilar maior información sobre as dinámicas da circulación dentro do porto e mellorar a satisfacción dos usuarios e traballadores de empresas portuarias facilitándolles solucións tecnolóxicas. A aplicación posta en marcha monitoriza a zona elixida (nesta fase piloto será a área circundante a Cabomar, en Praceres) con axuda de cámaras con Intelixencia Artificial que mapean as diferentes superficies de aparcamento do Porto. O sistema analiza en tempo real o estado do aparcamento e, mediante un algoritmo de procesamento de imaxes, determina se as prazas están ocupadas ou libres, informando o usuario da aplicación cun código de cores.
A Autoridade Portuaria lanza unha app para usuarios que monitoriza as prazas de aparcamento