ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

07/02/2023
Suárez Costa felicita ós traballadores de Ence e do porto pola continuidade da factoría
  O presidente do Porto de Marín manifestou a súa “absoluta satisfacción” coa decisión do Tribunal Supremo no caso Ence no que a Autoridade Portuaria, por acordo do seu Consello de Administración, acudira con varios recursos xudiciais. Á espera de coñecer o contido íntegro do ditado polo Tribunal, Jose Benito Suárez Costa quixo transmitir a felicitación de toda a comunidade portuaria aos traballadores “ tanto directos como indirectos” da factoría de Lourizán. “Non cabe máis que expresar a nosa satisfacción porque a actividade da fábrica de Ence poida continuar en Lourizán, sobre todo pensando nos centos de familias que se verían afectadas, tanto de traballadores directos como de empresas auxiliares e autónomos que dependen da factoría”, sinalou o presidente. “Quero felicitar sobre todo a estes traballadores que loitaron sen descanso para poder seguir cos seus proxectos de vida nesta comarca e que por fin tiveron unha resposta positiva a tantos meses de medo e incerteza”, engadiu Suárez Costa. A Autoridade Portuaria celebraba así o fallo do Supremo coñecido este mediodía indicando que “para o porto é unha excelente noticia porque a desaparición de Ence tería un efecto de réplica en moitas empresas e actividades da comunidade portuaria e por iso, pola responsabilidade que temos coa contorna, a Autoridade Portuaria participou activamente neste proceso, tanto con actuacións xudiciais como administrativas como con presenza institucional en diversos actos de apoio aos traballadores”.
Suárez Costa felicita ós traballadores de Ence e do porto pola continuidade da factoría