ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

19/01/2023
O porto mantivo en 2022 o tráfico de mercadorías por enriba dos dous millóns de toneladas
 O Porto de Marín mantivo en 2022 a súa previsión de situar o tráfico de mercadorías por enriba dos dous millóns de toneladas e experimentou subidas en practicamente todos os capítulos. Ademais, mantivo un total equilibrio na distribución de mercadorías entre os graneis sólidos que sumaron 1.039.591 tn e representan o 50% do tráfico portuario e a mercadoría xeral, que alcanzou a cifra de 1.037.712 tn, representando unha porcentaxe similar do total de carga manipulada durante o ano. O resultado global situouse ao finalizar o exercicio 2022 en 2.117.919 toneladas, apenas 60.000 toneladas menos que en 2021. Por grupos de mercadorías, destaca novamente o incremento dos graneis sólidos, que subiron un 8,57%. A iso contribuíron as descargas de acha e os cereais e fariñas que seguen sendo unha das principais mercadorías de Marín, centro loxístico de recepción e distribución para granxas e explotacións gandeiras de toda Galicia. En canto á mercadoría xeral en contedor tamén se produciu un incremento do 2,63%, destacando as subidas de peixe conxelado e refrixerados, produtos siderometalúrgicos ou a de aparellos, ferramentas e maquinaria. Mentres, no apartado de mercadoría xeral non contenerizada deixouse notar a parada de produción na fábrica de Ence, forzada polos meses de seca rexistrados no ano. Isto supuxo a carga de 176.000 toneladas menos de pasta de papel que o ano anterior aínda que aumentaron outros tráficos como os produtos eólicos ou as madeiras e cortizas. En canto á pesca fresca segue a manterse a tendencia á alza dos últimos anos e este capítulo volve rexistrar un incremento notable cun 14,17% máis de volume de venda en lonxa e preto dun 4% de subida no valor de primeira venda.
O porto mantivo en 2022 o tráfico de mercadorías por enriba dos dous millóns de toneladas