10/07/2026
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria visita o faro de Ons no seu centenario
O presidente da Autoridade Portuaria e do Consello de Administración, Jose Benito Suárez Costa, guiou onte a visita que os conselleiros do Porto de Marín realizaron ao faro da illa de Ons con motivo do recentemente cumprido centenario do seu funcionamento. Os membros do Consello que acudiron á visita foron recibidos no faro por Gerardo Alonso, último farero en activo da Autoridade Portuaria.
Os conselleiros puideron comprobar in situ as instalacións do faro, o funcionamento da lanterna e a exposición de pezas que alí existe, xa que proximamente este órgano colexiado deberá abordar o futuro do faro e as súas posibilidades de musealización, tras as xestións iniciadas por Suárez Costa ante as administracións implicadas.
A luz do actual faro de Ons cumpriu o 4 de xullo deste ano o seu centenario, unha efeméride especialmente significativa para a Autoridade Portuaria e, por extensión, para a historia dos sinais marítimos que xestiona a entidade. Con este motivo, xa se realizaron diversos actos de homenaxe aos últimos fareros de Ons e ademais #publicar un libro sobre a historia dos sinais marítimos da Ría, titulado “Rojo a Babor”. A obra é unha exhaustiva investigación histórica sobre cada unha das axudas á navegación da Ría de Pontevedra e ha sio distribuída en bibliotecas, arquivos, centros educativos e museos da contorna para poñela ao dispor do público xeral.
A realidade operativa do faro de Ons, -así como do resto de faros, torres baliza e boias- evolucionou de forma substancial nos últimos anos, nos que se pasou dun aceso manual a un sistema plenamente automatizado e monitorizado. “En consecuencia, e sen prexuízo das esixencias técnicas e de seguridade que sempre deben preservarse -manifestou o presidente-, existen partes do inmoble que non resultan imprescindibles para o funcionamento e mantemento ordinario do servizo de axudas á navegación e que poderían aproveitarse para outros usos”.
En liña co compromiso coa responsabilidade social corporativa e o patrimonio cultural vinculado ao mar que ten adquirido a Autoridade Portuaria, está a valorarse co resto de administracións implicadas a posibilidade de darlle un uso cultural a modo de museo ou exposición á parte do Faro de Ons que non resulta estritamente necesaria para o servizo.
O presidente da Autoridade Portuaria destacou o gran labor realizado polos sucesivos fareros na illa, non só para atender o seu traballo principal, senón para recuperar e conservar pezas históricas vinculadas ao faro e aos sinais marítimos: elementos que falan de tecnoloxía, de seguridade marítima, de oficio, de vida cotiá e de memoria.
A Autoridade Portuaria xa editou o pasado ano un catálogo físico coa descrición destes elementos para poder conservar e difundir o seu legado, baixo o título “Ons, a memoria do faro”. En paralelo, xa existe unha exposición permanente no faro que foi visitada por colectivos culturais e centros.
A Autoridade Portuaria considera que agora se abre unha oportunidade para ordenar e consolidar ese contido baixo un formato museístico, sempre compatible co servizo e sen interferir nas necesidades presentes e futuras do sistema de axudas á navegación, que é fundamental para a seguridade na Ría, asuntos que serán debatidos e acordados polo Consello de Administración.