14/05/2026
A Autoridade Portuaria homenaxea aos seus últimos fareros no ano do centenario do faro de Ons
A Autoridade Portuaria celebrou esta mañá un acto de homenaxe aos últimos fareros da entidade con motivo da celebración este ano do centenario da posta en marcha da lanterna do actual faro de Ons.
O presidente Jose Benito Suárez Costa entregoulles a cada un unha réplica en cerámica de Sargadelos do faro de Ons, onde prestaron servizo. Ao acto asistiron Gerardo Alonso, farero que continúa actualmente en servizo, os recentemente xubilados Ricardo Carracedo, Jesús Carracedo e Enrique Abati alén de Fernando Liste, farero en Ons en 1976. Trátase dunha representación dos preto de 60 fareros que pasaron pola illa.
Alén de proxectarlles un vídeo sobre a súa historia no faro, Suárez Costa agradeceulles o exercicio da súa profesión “que é todo un exemplo de servizo público e vocación”, sinalou. O presidente destacou a importancia dun oficio “cun alto valor humano xa que os fareros exerceron en Ons ao longo da súa historia de mecánicos, practicantes, profesores, xuíces e todo o que fixo falta para os veciños da illa”. Tamén comentou con eles os importantes avances tecnolóxicos aos que tiveron que adaptarse de forma continua “sen perder a memoria e a conciencia do que foi durante séculos un traballo totalmente artesanal e fundamental para a seguridade da navegación”. Suárez Costa quixo agradecerlles o seu traballo como responsables de todos os sinais marítimos da Ría “pero non só iso, senón que durante o exercicio da súa profesión convertéronse en auténticos garantes do patrimonio histórico marítimo recompilando, restaurando e coidando pezas que nun futuro próximo queremos poñer ao dispor de todos os cidadáns a través dun uso museístico do faro que sexa compatible coa súa función principal como sinal marítimo”.
Precisamente este ano a Autoridade Portuaria publicou unha extensa obra de investigación sobre a historia dos sinais marítimos da Ría de Pontevedra baixo o título “Rojo a Babor: historia das luces da Ría de Pontevedra” na que por primeira vez recóllense nun libro os detalles e historia de cada unha dos sinais que axudan á navegación na Ría, desde os faros de Ons e Tambo ata as pequenas luces dos peiraos dos distintos portos desde Aldán ata O Grove, pasando polas torres baliza que canalizan as canles seguras para os roteiros marítimos no interior da Ría. Os autores deste libro son Enrique Abati que foi, primeiro farero e logo Responsable do Servizo de Sinais Marítimos da Autoridade Portuaria ata a súa recente xubilación e María Eyo, Xefa da División de Comunicación e Responsabilidade Social Corporativa da Autoridade Portuaria. Ambos foron tamén autores o pasado ano doutra publicación de divulgación patrimonial: “Ons, a memoria do faro”, na que se fai un percorrido a modo de inventario de pezas históricas vinculadas á sinalización e seguridade marítima.
A Autoridade Portuaria, “consciente do papel que xoga no ámbito da responsabilidade social corporativa”, indicou Suárez Costa, distribuíu ambas as obras a bibliotecas, arquivos e museos do mar co obxectivo de compartir e contribuír a difundir a memoria histórica e o patrimonio cultural vinculado ao Porto de Marín.