13/02/2026
A Autoridade Portuaria impulsará un uso cultural para o futuro do faro de Ons
O presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa, manifestou o seu interese de impulsar un uso cultural para o futuro do faro de Ons que sexa compatible coa súa función principal como elemento de axuda á navegación.
A luz do actual faro de Ons cumpre este ano o seu centenario, unha efeméride especialmente significativa para a Autoridade Portuaria e, por extensión, para a historia dos sinais marítimos que xestiona a entidade. Con este motivo, publicouse un libro sobre a historia dos sinais marítimos da Ría, titulado “Rojo a Babor”, cuxos autores son Enrique Abati, quen foi farero e responsable de sinais marítimos da Autoridade Portuaria e María Eyo, Xefa da División de Comunicación e Responsabilidade Social Corporativa. A obra é unha exhaustiva investigación histórica sobre cada unha das axudas á navegación da Ría de Pontevedra que está a ser distribuída en bibliotecas, arquivos, centros educativos e museos da contorna para poñela ao dispor do público xeral.
A realidade operativa do faro de Ons, -así como do resto de faros, torres baliza e boias- evolucionou de forma substancial nos últimos anos, nos que se pasou dun aceso manual a un sistema plenamente automatizado e monitorizado. “En consecuencia, e sen prexuízo das esixencias técnicas e de seguridade que sempre deben preservarse -manifestou o presidente-, existen partes do inmoble que non resultan imprescindibles para o funcionamento e mantemento ordinario do servizo de axudas á navegación e que poderían aproveitarse para outros usos”.
En liña co compromiso co patrimonio cultural vinculado ao mar que ten adquirido a Autoridade Portuaria, “está a valorarse a posibilidade de darlle un uso cultural a modo de museo ou exposición á parte do Faro de Ons non necesaria para o servizo”, engadiu Suárez Costa.
O presidente da Autoridade Portuaria destacou o gran labor realizado polos sucesivos fareros na illa, “que dedicaron ao longo dos anos parte do seu tempo e os seus coñecementos para recuperar e conservar pezas históricas vinculadas ao faro e aos sinais marítimos: elementos que falan de tecnoloxía, de seguridade marítima, de oficio, de vida cotiá e de memoria”. A Autoridade Portuaria xa editou o pasado ano un catálogo físico coa descrición destes elementos para poder conservar e difundir o seu legado, baixo o título “Ons, a memoria do faro”. En paralelo, xa existe unha exposición permanente no faro que foi visitada por colectivos culturais e centros educativos que está a funcionar cun respecto absoluto á contorna e ás limitacións do lugar.
A Autoridade Portuaria considera que agora se abre unha oportunidade “para ordenar e consolidar ese contido baixo un formato museístico, sempre compatible co servizo e sen interferir nas necesidades presentes e futuras do sistema de axudas á navegación, que é fundamental para a seguridade na Ría”.
Neste sentido, o presidente xa iniciou contactos co resto de administracións implicadas para ir definindo as características e singularidades do proxecto que tamén haberá de concretar a súa forma de xestión.
A Autoridade Portuaria tamén convocou para a próxima senana a algúns colectivos sociais e culturais que viñeron manifestando a súa inquietude polo futuro do faro “co obxectivo de abrir unha vía de diálogo e intercambio de ideas que nos axuden a materializar o proxecto”, concluíu Suárez Costa.