Sustentabilidade

Noticias de Sustentabilidade

NOTICIAS DE SUSTENTABILIDADE

Noticias

14/02/2025
A Autoridade Portuaria puxo en valor o 84% dos residuos xerados durante 2024
Os diferentes sistemas implantados no Porto de Marín para a recollida selectiva e reutilización de residuos por parte da Autoridade Portuaria, instalacións frigoríficas e departamentos de exportadores entre outros, deron como resultado a retirada de 1.153 toneladas de residuos durante o ano 2024. A consolidación da recollida selectiva no porto por parte da Autoridade Portuaria e a empresa de Servizos Portuarios Cantodarea, e a cada vez maior concienciación dos usuarios, facilita a xestión portuaria dos diferentes residuos. Deste xeito, unha vez descartados os residuos sólidos urbanos e asimilables que ascenden a un 16% do total, o 84% restante foi valorizable durante o pasado exercicio ao estar separado en orixe e superando ao 82% que se puxo en valor durante 2023. Os sistemas de xestión de residuos fóronse facendo extensivos a un cada vez maior número de instalacións en toda a comunidade portuaria nos últimos anos. Como resultado, entre 2013 e 2024 retiráronse de forma selectiva preto de doce millóns de quilos de material de desfeito. O Porto de Marín ten adquirido un pleno compromiso na xestión ambiental de residuos relacionados coas actividades marítimas e portuarias. O maior volume de residuos separados en orixe durante 2024 corresponde a plásticos e séguenlle papel e cartón e redes ademais doutras importantes cantidades de restos de madeira, pneumáticos, ou poliexpan. Tamén se retiraron durante 2024 13,5 toneladas de lixos mariños. Precisamente esta semana puxéronse en marcha os contedores do proxecto Upcycling the Oceans, para a retirada e reciclaxe de lixo mariño a través dun convenio subscrito entre a Autoridade Portuaria, Ecoembes e Ecoalf.
A Autoridade Portuaria puxo en valor o 84% dos residuos xerados durante 2024