02/06/2021
Intensa xornada no porto coa coincidencia de oito mercantes
A actividade loxística de diferentes mercadorías estratéxicas para a contorna intensifícase estes días no Porto de Marín, coa operativa simultánea de varios buques atracados na rada. Concretamente durante o día de hoxe coinciden nos peiraos de Marín ata 8 mercantes operando.
Catro deles, descargan pesca conxelada para os frigoríficos do porto. Trátase dos buques Frio Marathon no Peirao Comercial Oeste, o Igueldo no Peirao Pesqueiro Norte, o Montelourido no Peirao Este e o Monteferro, no Peirao Comercial Sur. A pesca conxelada é unha das mercadorías estratéxicas para o Porto de Marín xa que as empresas frigoríficas situadas na rada dedicadas fundamentalmente á recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada son un dos principais motores económicos para toda a comarca. Gran parte das plantas frigoríficas do porto contan ademais con salas de elaborado de peixe, unha das actividades que máis empregos crean na zona. O Porto de Marín dispón no seu conxunto dunha capacidade de almacenamento frigorífico duns 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto.
Xunto aos conxeladores, hoxe operan no porto dous mercantes con produtos siderúrxicos. Trátase do Wilson Hull procedente do porto de Ijmuiden e o Anna, que chega desde Dunquerque. Entre os dous, deixarán en porto máis de 5.000 toneladas de bobinas de chapa de aceiro. A eles súmaselle a carga de 1.500 toneladas de eólicos no buque Sloman Discharguer que ten previsto saír mañá pola noite con destino ao porto francés de Radicatel.
Por último, no peirao Leirós está a descargar cereais o bullcarrier Montase que deixará no porto máis de 26.000 toneladas de graneis agroalimentarios. Ademais, a principios da próxima semana está prevista a chegada doutro buque granelero con 27.000 toneladas máis de cereais. Ata o mes de abril, o tráfico de graneis agroalimentarios creceu un 15,65% no porto con respecto ao primeiro cuadrimestre do pasado ano.