06/10/2026
O Porto acolle unha reunión da Agencial Espacial Europea sobre o proxecto RESIST
A Autoridade Portuaria foi o lugar elixido esta mañá para a celebración dunha reunión entre a Axencia Espacial Europea (ESA) e a empresa que se ocupa da instalación de equipos para a monitorización de interferencias de sinais de GPS-proxecto RESIST, do que o Porto de Marín é planta piloto.
Trátase dun proxecto destinado a mellorar a resiliencia e a seguridade dos servizos de navegación por satélite. O proxecto desenvolve métodos e tecnoloxías avanzadas para detectar, avaliar e mitigar manipulacións, interferencias e ciberataques dirixidos aos Sistemas Globais de Navegación por Satélite. A navegación por satélite converteuse nun piar esencial da sociedade moderna, ao dar soporte a sectores como a aviación, o transporte, a loxística, as telecomunicacións e as redes enerxéticas. Con todo, a súa crecente importancia tamén implica un aumento do risco de interferencias intencionadas e suplantacións de sinal.
O Porto de Marín é o único porto europeo que colabora no desenvolvemento deste proxecto que melloraría a protección marítima e a seguridade na navegación, mediante a instalación dunha Estación de Referencia Terrestre (GRS) do sistema RESIST, nas súas instalacións. Esta iniciativa reflicte o firme compromiso do Porto coa adopción de tecnoloxías europeas de vangarda que fortalecen a resiliencia dos sistemas de navegación fronte a interferencias, garantindo os máis altos estándares de seguridade operativa para os buques e a infraestrutura portuaria.
Coa súa colaboración en RESIST, o Porto de Marín avanza na innovación no sector marítimo, contribuíndo a un decisivo esforzo europeo por protexer infraestruturas críticas mediante solucións de navegación por satélite robustas. Este enfoque proactivo demostra a súa aposta por integrar tecnoloxía avanzada nas operacións diarias, impulsando tanto a competitividade como a responsabilidade medioambiental a través dunha xestión do tráfico marítimo máis segura e eficiente.
RESIST é un exemplo de colaboración exitosa entre institucións europeas, a industria e entidades públicas para mellorar a seguridade do transporte e a resiliencia dixital das infraestruturas críticas.