FARO DE TENLO CHICO, ILLA DE TAMBO

No fondo da ría de Pontevedra, na pequena península de Tenlo Chico, ao sur da illa de Tambo, levántase en febreiro do ano 1922 a torre “Faro de Tenlo Chico”.

Resultado da Real Orde do Plan Xeral de Balizamento da Ría de Marín de xullo de 1916, onde se especificaban os sinais de aproximación aos portos de Pontevedra e Marín, ilumínase na noite do 30 de novembro de 1922, con luz branca de ocultacións equidistantes e un alcance non menor de 15 millas náuticas, lucindo a 38 metros de altura sobre a baixamar.

O proxecto inicial de Joaquín González Díaz redactado en 1918, refórmao e o asume o destacado enxeñeiro de camiños Ramiro Pascual e Lorenzo, responsable do servizo de Obras Públicas en Pontevedra e máximo expoñente dos sinais marítimos da provincia nas seguintes décadas. A estrutura presenta un curioso formato de torre troncocónica de formigón armado revestido de sillería, cunha escaleira helicoidal exterior rodeando o seu fuste ata os 18 metros de altura.

A torre aséntase sobre unha base cilíndrica de formigón en masa, tamén revestida de sillería, onde se establece a cámara de servizo que acolle os 12 acumuladores AK-50 de gas acetileno a presión disolto en acetona que alimentará ao capelo do equipo Dalén que proporciona a luz na lanterna de montantes helicoidales.

Esta torre de Tenlo Chico traballará en aliñación con outra das mesmas características situada no baixo de Cabezo do Medio, na punta Festiñanzo, proporcionando así unha liña de enfilación que asegura os rumbos para librar a perigosa restinga que despide cara ao sur a illa de Onza, cos baixos de Menguella e Pan de Centeo. Esta torre xemelga a Teno Mozo situada no Cabezo do Medio desaparece derruida pola ondada nun furioso temporal de finais dos anos trinta

Na actualidade o faro de Tenlo chico traballa cun sistema de alimentación de enerxía solar fotovoltaica e unha luz branca xerada mediante Leds de alta intensidade, presentando unha característica de 3 escintileos brancos cada 9 segundos, cun alcance nominal de 11 millas náuticas.

Descargar mapa de faros e balizas da ría de Pontevedra.