27/02/2026
O Consello autoriza importantes investimentos a varias empresas do porto
O Consello de Administración aprobou esta tarde a modificación substancial da concesión de Peixoto Alimentación S.L para executar unha obra na nave destinada ao procesado de peixes e mariscos para a que obtivo unha axuda do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) e cuxo importe total de investimento ascende a 1,2 millóns de euros. O obxectivo da actuación é ampliar e acondicionar as instalacións actuais para a elaboración e transformación de cefalópodos.
O Consello tamén aprobou unha modificación substancial na concesión do estaleiro Nodosa S.L, -con destino a labores propias de rampla varadero e peirao de armamento-, cos investimentos realizados en materia de eficiencia enerxética e calidade ambiental mediante a instalación de paneis fotovoltaicos. Nodosa é un estaleiro plenamente consolidado, con máis de 50 anos de historia e converteuse nunha referencia no sector, sendo un dos grandes centros creadores de emprego na comarca. Actualmente ten en construción 5 grandes buques con datas de entrega previstas entre este ano e o próximo.
Informe de Xestión
Na súa reunión desta tarde, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria tamén analizou os datos definitivos do informe de xestión do exercicio 2025 que finalizou cun movemento de 2.301.478 toneladas, o que permitiu manter o obxectivo principal de situar o tráfico estable por encima dos dous millóns de toneladas.
O capítulo de especial crecemento produciuse o pasado exercicio na mercadoría xeral convencional, que representa o 30,43% do total de tráfico do Porto de Marín. Dentro deste grupo, destacan os crecementos de froita e hortalizas grazas á liña transoceánica con Brasil, os produtos siderometalúrxicos, o material de construción ou a pesca conxelada.
En canto ao movemento de mercadoría por ferrocarril, este ano sitúase en 396.742 toneladas, o que supón unha cota do 17% de utilización do ferrocarril e segue situando ao Porto de Marín á cabeza da intermodalidad no sistema portuario.
En canto a outros aspectos de xestión do ano 2025 destaca o plan de seguimento e control de execución dos fondos europeos, xa que o Porto de Marín é beneficiario de fondos MRR, FEDER e FEMPA, fundamentalmente para obras de mellora de eficiencia enerxética e mellora do sector pesqueiro. Tamén se despregaron plans de actuación en materia de ciberseguridade e dixitalización, así como no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa, con programas de difusión do patrimonio cultural da Autoridade Portuaria na súa contorna.
Por último, o Consello de Administración aprobou de forma definitiva o Plan de Empresa 2026 acordado con Portos do Estado.