ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

15/07/2026
A Autoridade Portuaria inicia a obra marítima para a rehabilitación da torre baliza de Camoucos
A Autoridade Portuaria de Marín vai dar inicio estes días aos traballos marítimos para a rehabilitación da torre baliza de Camoucos, un dos principais elementos de sinalización marítima da Ría. Esta actuación, cuxo orzamento ascende a 1,5 millóns de euros, conleva unha gran complexidade debido á localización do sinal marítimo. A obra, adxudicada á empresa Marcor Xove, consiste no reforzo de cimentación da torre de modo que se garanta a súa estabilidade estrutural, xa que está instalada nunha zona moi exposta á acción da ondada e o vento, así como a demolición e reconstrución de parte da torre. Durante estes días fíxose provisión no peirao transversal do Porto dos materiais necesarios para acometer a actuación. Ademais, tamén se utilizará unha pontona que permitirá a execución das obras á boia no mar, o mesmo que fixo a Autoridade Portuaria hai uns anos cando se reconstruíu por completo a torre baliza de Picamillo. En concreto, a actuación en Camoucos realizarase mediante a construción dun anel de formigón exterior que abrace a cimentación e que irá recheo de formigón armado para reforzar a estrutura. A actual torre de 13 metros de altura demolerase mediante corte con fío de diamante e posteriormente reconstruirase. Aproveitarase a base de cimentación mediante a operación de encapsulado. Esta opción evita voaduras e xeración de residuos. Mentres duren as obras instalarase un sistema de balizamento provisional para manter a función de sinalización marítima da torre. A torre baliza de Camoucos é unha dos principais sinais marítimos da Ría de Pontevedra que, aínda que viu a luz o 8 de abril de 1931, acendeuse por primeira vez dous anos despois, o 18 de outubro de 1933. Situada na parte norte da illa de Ons para sinalizar uns perigosos baixos rochosos, está dotada cunha marca lateral vermella de babor cun alcance de 10 millas. Proximamente, a Autoridade Portuaria ten previsto no seu Plan de Investimentos acometer a rehabilitación doutra das torres baliza da Ría, a de Mourisca. Neste caso, trátase dunha torre de 13 metros de altura e ten unha marca lateral verde de estribor cun alcance de 5 millas. Ambas as son elementos fundamentais para garantir a seguridade da navegación no interior da Ría de Pontevedra.
A Autoridade Portuaria inicia a obra marítima para a rehabilitación da torre baliza de Camoucos