05/06/2026
A Autoridade Portuaria saca a licitación unha nova fase de mellora das instalacións interiores da lonxa
A Autoridade Portuaria de Marín publicou a licitación, mediante procedemento aberto ordinario, das obras para a renovación e mellora das instalacións interiores da lonxa na súa terceira fase. En concreto trátase de mellorar o illamento e climatización da sala de vendas. O orzamento base de licitación ascende a 1.724.195,12 euros (sen impostos) e o prazo de execución é dun total de 11 meses. . A obra está cofinanciada con Fondos Europeos FEMPA.
As actuacións efectuaranse na sala na que ten lugar a exposición e venda de peixe, situada na lonxa do porto. A mellora do illamento e a renovación do sistema de climatización do edificio desta sala mellorará o aforro do consumo enerxético e mellorará a sustentabilidade e eficiencia do porto. Así mesmo melloraranse os pavimentos, cerramentos e a súa rede de saneamento. A Autoridade Portuaria está plenamente comprometida coa mellora das instalacións do sector pesqueiro, tal e como se reflicte no seu Plan de Investimentos e nas sucesivas obras de mellora que se están realizando.