ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

04/06/2026
A Autoridade Portuaria de Marín expón a súa experiencia coa implementación e goberno da IA
No marco das IX Xornadas TIC Portuarias ,que se celebran esta semana en Vigo, Benjamín Paredes, Xefe de División TIC da Autoridade Portuaria de Marín, participou cun relatorio conxunto co Porto de Castellón na que ambos os portos compartiron o seu enfoque á hora de deseñar unha estratexia para integrar a intelixencia artificial nas autoridades portuarias. Estas xornadas son un espazo de intercambio de experiencias sobre a tecnoloxía ao servizo dos portos ás que acoden expertos de Autoridades Portuarias, de empresas privadas, de organismos públicos, así como do ámbito universitario e académico. As autoridades portuarias de Marín e Castellón destacaron a importancia de liderar o cambio e estar ao mando do temón da gobernanza, tendo como como obxectivo a optimización de procesos mediante o bo uso destas ferramentas, garantindo en todo momento a seguridade xurídica e a soberanía do dato. Un aspecto clave que quixeron compartir é a importancia da alfabetización e a capacitación das persoas, xa que isto cimenta as bases para mellorar a súa desempeño, impactando directamente na competitividade. Finalmente expuxeron casos de uso da intelixencia artificial para mellorar procesos da operativa portuaria, da prestación de servizos e da xestión documental. A Autoridade Portuaria de Marín está a traballar para contar cunha folla de roteiro da implantación da IA cun horizonte a tres anos e cun plan de actuacións piloto de alto impacto nun prazo máis curto. Esta actuación enmárcase na aposta pola dixitalización que vén realizando o sistema portuario e que implica o desenvolvemento de portos intelixentes onde a IA poida axudar nunha xestión máis áxil e unha maior competitividade.
A Autoridade Portuaria de Marín expón a súa experiencia coa implementación e goberno da IA