ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

20/03/2026
A Autoridade Portuaria traslada aos usuarios de lonxa un manual de boas prácticas
A Autoridade Portuaria elaborou un manual de boas prácticas en lonxa que xa empezou a difundir entre os usuarios co fin de estandarizar as normas de hixiene e de operativa, esenciais para o bo desenvolvemento da poxa e actividade diaria. O manual lembra que a policía portuaria é quen exerce o control e vixilancia no recinto, tanto nos accesos de persoas e vehículos como na supervisión da mercadoría que entra e sae. Tamén que existe un control sanitario a través do “Manual de control de prerrequisitos de sanidade alimentaria”. A Autoridade Portuaria procedeu ademais a actualizar o rexistro de compradores de lonxa xa que a adquisición de produtos é exclusiva para profesionais dados de alta no censo. Para iso estase realizando unha renovación de carnés de compradores que xa se empezaron a entregar aos interesados e que é necesario levar encima no momento da compra e poxa. O manual de boas prácticas recolle, de forma sinxela e moi visual, información sobre a dinámica da poxa, a documentación requirida para realizar a transacción de forma correcta, normas de hixiene para evitar posible contaminación cruzada no interior da lonxa así como a forma correcta de manipular a mercadoría. Tamén se informa aos usuarios da xestión correcta dos residuos a través dos sistemas de separación en orixe que ten implantados a Autoridade Portuaria, implicando a todos os usuarios na importancia de colaborar co obxecto de que o peixe procedente da lonxa de Marín continúe sendo un referente de calidade no mercado.
A Autoridade Portuaria traslada aos usuarios de lonxa un manual de boas prácticas