18/03/2026
Suárez Costa participa no encontro coa conselleira do Mar para tratar o proxecto da dragaxe do Lérez
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou esta mañá aos presidentes das autoridades portuarias da provincia de Pontevedra o proxecto de dragaxe do río Lérez, a obra de dragaxe de maior envergadura do sistema portuario autonómico, que se atopa actualmente en tramitación ambiental.
Villaverde presidiu a reunión de coordinación dos presidentes dos portos de Marín, Vilagarcía e Vigo e o presidente de Portos de Galicia, na que afondaron, ademais, na decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica de validar os puntos B, E8 e D para todas as dragaxes do litoral pontevedrés, tanto os impulsados por Portos de Galicia como os das Autoridades Portuarias dependentes de Portos do Estado.
No encontro, Villaverde e os presidentes dos portos galegos subliñaron o carácter técnico e científico da comisión liderada polo CEDEX e na que participaron tamén técnicos das Autoridades Portuarias de Marín e Ría de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Portos do Estado e Portos de Galicia para elaborar o estudo de alternativas de puntos de vertedura para o litoral sur da comunidade. Os representantes das administracións portuarias apuntaron a importancia de respectar os puntos de depósito de áridos que o Ministerio estableza para desbloquear as obras portuarias que están pendentes.
Así mesmo, durante a reunión destacouse que o informe do CEDEX recolle tamén que as verteduras realizadas polas Autoridades Portuarias do Estado e por Portos de Galicia durante dúas décadas no punto E8 exterior de Sálvora “non tiveron afectación” sobre a contorna ambiental e que a dinámica das correntes mariñas non desprazaron o material depositado carael interior da ría de Arousa.
Neste sentido, Xunta e Autoridades Portuarias fixeron fincapé no seu compromiso coa preservación da riqueza produtiva e ambiental das rías que, -coincidiron- queda garantida polos criterios técnicos sobre os puntos de vertedura e as medidas ambientais contempladas no proxecto no caso concreto da dragaxe do Lérez.