05/02/2026
A Autoridade Portuaria licita a asistencia técnica para a obra de rehabilitación da torre baliza de Camoucos
A Autoridade Portuaria acaba de publicar na plataforma de contratación a licitación do servizo de asistencia técnica á dirección de obra da rehabilitación da torre baliza de Camoucos. O traballo inclúe o seguimento ambiental, control de calidade, control de xestión de residuos e vixilancia da obra marítima.
A torre baliza de Camoucos é unha dos principais sinais marítimos da Ría de Pontevedra. Está dotada cunha marca lateral vermella de babor cun alcance de 10 millas. A súa rehabilitación supón unha complexa obra marítima para executar o reforzo de cimentación da torre de modo que se garanta a súa estabilidade estrutural, xa que está instalada nunha zona moi exposta á acción da ondada e o vento así como a demolición e restauración de parte da torre.
Posteriormente, a Autoridade Portuaria ten previsto no seu Plan de Investimentos acometer a rehabilitación doutra das torres baliza da Ría, a de Mourisca. Neste caso, trátase dunha torre de 13 metros de altura e ten unha marca lateral verde de estribor cun alcance de 5 millas. Ambas son elementos fundamentais para garantir a seguridade da navegación no interior da Ría de Pontevedra.