ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

23/01/2026
Traballadores da Autoridade Portuaria visitan o remolcador de altura Ría de Vigo
O Porto de Marín é escala da atracada do remolcador de altura Ría de Vigo, emblemático buque de salvamento cunha gran traxectoria en emerxencias marítimas. Dada a súa singularidade, un grupo de traballadores da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra realizou esta mañá unha visita guiada á embarcación. Durante o encontro guiado pola tripulación do Ría de Vigo, o persoal afondou na historia e características do buque. Neste senso, cabe sinalar que o papel do Ría de Vigo é fundamental para as operacións de salvamento e remolque en Galicia e o Atlántico, o que converte a esta embarcación nunha peza indispensable para a seguridade marítima na costa, e tamén na loita contra a contaminación. Deste xeito, trátase dun buque polivalente de salvamento e loita contra a contaminación que, opera coa Xunta de Galicia a través do Servizo de Gardacostas e, tamén, coa Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA). Ademais, entre as funcións do remolcador destacan a intervención en sinistros e a axuda a outros buques. Neste senso, cabe lembrar a participación deste buque de salvamento na traxedia do Prestige, converténdose na primeira embarcación en chegar ao mesmo e tentar dar remolque, aínda que tras duros esforzos non o conseguiu. En canto ás características técnicas, trátase dun remolcador de altura de aceiro, cunha eslora total de 68 metros, un calado máximo de 5,88 metros, un arqueo bruto de 1.535 GT. Foi construído en 1985 por Estaleiros de Huelva S. a. en Andalucía.
Traballadores da Autoridade Portuaria visitan o remolcador de altura Ría de Vigo