Un só barco descarga 33.600 toneladas de astela no Porto de Marín
14/12/2009
O buque Gyn Yoh, de bandeira filipina, descarga esta semana 33.600 toneladas de astela no Porto. O barco, atracado no peirao Adolfo Reboredo 2 da zona de expansión, procede do porto de Pointe Noire, na República do Congo. Conta con 200 metros de eslora e case 11 de calado.
A astela de madeira que chega ó Porto de Marín ten como destino a fábrica de Ence en Lourizán, para a elaboración de pasta de papel. A operación de descarga deste tráfico é unha das máis espectaculares que se poden contemplar no Porto pola gran altura que alcanza a astela descargada sobre a explanada contigua ó peirao. Na operación de descarga o producto sácase das adegas e se deposita nunhas tolvas situadas na mesma cuberta do buque e, desde estas, por un conxunto de cintas transportadores que percorre o costado do barco de popa a proa, vértese a astela ó peirao nuha zona protexida por unha barreira ou bandexa para evitar a caída de producto ó mar. Neste caso, ademais dos propios medios do barco, tamén intervén un guindastre de terra, o guindastre automóbil, que se trasladou desde a súa ubicación habitual no peirao Leirós para esta operación e que permite ir depositando a astela a maior distancia do barco para facilitar a estiba de toda a mercadoría. A astela almacénase nos peiraos en pilas que forman as pás cargadoras que interveñen na descarga, trasladando o producto desde o costado do barco ata a zona de almacenamento. Ó tempo que se realiza a estiba da astela na zona de descarga, tamén se produce un gran movemento de camións que sacan o producto do Porto ata a fábrica de Ence.
O Gyn Yoh coincidiu en Porto con outro gran graneleiro, o Sea Brilliance, que estivo a realizar operacións de descarga de 33.000 toneladas de millo, neste caso no peirao Leirós 2.
|