English | Español
Historia
O Porto natural de Marín posúe unha ampla baía que se extende desde Punta Pesqueira ata Praceres. A actividade portuaria constátase desde a antigüidade nos vestixios toponímicos de raíz grega e no miliario da época romana cunha inscrición na que se fai referencia á súa importancia como vía de comunicación marítima (conservado no Museo de Pontevedra).

Couto de realengo doado pola Raíña Dona Urraca a Don Diego Arias en 1112. Este Cabaleiro doa tódolos seus bens ó Mosteiro de Oseira en 1151 e a esta Orde pertencerá ata a desamortización.

Mediado o século XVIII, a Ría de Pontevedra inicia o seu despegue comercial e industrial. A súa riqueza pesqueira explica o establecemento de numerosas fábricas de sal e conserveiras xunto a outras actividades relacionadas coa mar.

En canto ó movemento migratorio, Marín é punto de arranque das novas rotas cara América. A Compañía Trasatlántica inauguraba en 1861 un servizo de viaxe directa de ida e volta a Montevideo e Bos Aires, no “Non Plus Ultra” o día dous de cada mes.

Desde 1868, Marín é Distrito Marítimo de Primeira Clase e dispón do servizo de numerosos consulados europeos e sudamericanos debido ó importante movemento comercial e migratorio.

En 1883, o Concello de Pontevedra solicita que o Porto de Marín sexa Porto de Interese Xeral, así cualificado o 30 de agosto de 1886. Deseguida comezan as xestións que darán lugar á Real Orde de 23 de setembro de 1907 pola que se crea a Xunta de Obras do Porto e Ría de Pontevedra como entidade responsable da explotación, conservación e obras dos portos de Marín, Bueu, Pontevedra e Sanxenxo e o tramo de costa comprendido entre punta Campelo na costa Norte e punta Penedo na costa Sur.

Excepto Marín, os demais portos pasan a ser competencia de Galicia. Sanxenxo desde xaneiro de 1964 e Bueu e Pontevedra a partir de 1982.

Coa Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante de 1992, a entidade responsable do Porto de Marín convértese en Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.

O 5 de marzo de 1933 inaugúrase a sé da Autoridade Portuaria en As Corbaceiras, Porto de Pontevedra.

A ampla baía de Marín a finais do século XIX dispoñía dun peirao, o Dique Vello do Este rematado en forma de martelo e próximo á desembocadura do río Lameiriña, onde se concentraba o núcleo de poboación mariñeiro.

Autoridade Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

AVISO LEGAL

E-mail sac@apmarin.com
Oficina principal
Avenida de las Corbaceiras s/n
36002 Pontevedra (España)
Telefono +34 986 85 52 00
Fax +34 986 84 01 93
Oficina Administrativa de Servicios
Darsena pesquera s/n
36900 Marin (Pontevedra, España)
Telefono +34 986 83 80 43
Fax +34 986 88 13 24