English | Español
O faro de Ons
O 13 de abril de 1865 acéndese por vez primeira na Illa de Ons a luz dun faro de 5ª orde, situado na parte máis elevada, a 22,5 metros da punta norte.

Trátase dun aparato catadióptrico de 5ª orde e luz fixa branca variada por destellos cada 2’. Tiña un alcance de 17 millas e unha elevación de 128,4 metros sobre o nivel medio do mar. A torre é de tres corpos. Os dous inferiores circulares e o superior octogonal. Aquela primeira lanterna adquirírase á casa Sautter por un prezo de 10.746 pesetas. A lámpada era de aceite de oliva de émbolo. Trece anos despois cambiouse por unha Maris para petróleo dunha mecha.

Coa aprobación do Plan de Reforma do Alumeado de 1902, decídese que a luz do faro debe ter un maior alcance a través de grupos de tres destellos brancos. Para conseguilo, como sucedeu en moitos outros faros, era necesario reformar a torre e aumentar o edificio. A solución que se adoptou foi a de construir un novo faro sobre a base do primeiro. A torre antiga derribouse en parte e se levantou outra de forma octogonal rematada por unha lanterna de 3,70 metros de diámetro.

As novas obras inauguráronse o 4 de xullo de 1926, cunha óptica da casa inglesa Chance Brothers, montada sobre un basamento e flotador de mercurio con capacidade para 325 kg. Para o alumeado púxose un sistema de vapor de petróleo a presión por incandescencia. Tamén se modificou a luz inicialmente prevista e a súa característica foi a de catro destellos relámpagos cada 24’’ cun alcance nominal de 24 millas.

En 1932, o faro revestiuse exteriormente con azulexos e, xunto ós de Sálvora e Sisargas, foi dos últimos faros de petróleo a presión que existiron. En 1990 a súa alimentación reconverteuse a enerxía fotovoltaica.
Autoridade Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

AVISO LEGAL

E-mail sac@apmarin.com
Oficina principal
Avenida de las Corbaceiras s/n
36002 Pontevedra (España)
Telefono +34 986 85 52 00
Fax +34 986 84 01 93
Oficina Administrativa de Servicios
Darsena pesquera s/n
36900 Marin (Pontevedra, España)
Telefono +34 986 83 80 43
Fax +34 986 88 13 24